A Xunta expresa o seu pesar pola morte de Robert Plotz, membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago

O profesor alemán foi un destacado investigador e impulsor da ruta xacobea, polo que recibiu a Medalla de Galicia e a Medalla de Ouro de Santiago de Compostela.

O Dr. Robert Georg Plötz naceu o 18 de xullo de 1942 en Nürnberg, cursou estudos en Xermanística, Historia, Filosofía, Etnoloxía e Pedagoxía do Deporte na Universidade de Würzburg (1963-1969). Traballou como profesor axudante na cátedra de Xermanistíca e Etnoloxía da mesma universidade.

Desde 1971 ata 1977 desempeñou o cargo de Lector de Alemán na Universidade de Oviedo (Asturias). Desde 1979 a 2007 ocupou a posición de Director do Niederrheinsches Museum für Volkskunde und Kulturgeschichte en Kevelaer (Baixa Renania).

De 2008 ata 2013 traballou como profesor docente para Historia de Franconia (Cátedra de Historia Medieval) na Universidade de Würzburg. Participou en moitos cursos de verán e congresos en Europa e os EEUU.

Ten numeras publicacións sobre historia da cultura e tradicións populares, pero sobre todo estudos sobre peregrinos e peregrinacións. Foi 25 anos presidente da Deutsche St. Jakobus-Gesellschaft (1987-2012).

Recibiu en 1999 a Medalla de Ouro da cidade de Santiago de Compostela, en 2001 a Medalla de Galicia, na súa categoría de prata pola Xunta de Galicia, e en 2004 a cruz de mérito de Alemaña. Foi desde a súa fundación membro do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago.

Peregrino e animador do movemento asociativo

A súa achega ao mundo da investigación sobre o Camiño de Santiago e a peregrinación xacobea, nomeadamente en Alemaña pero tamén en moitos outros lugares, ocupa un lugar referencial. A súa faceta investigadora uniu a súa condición de peregrino e animador do movemento asociativo do Camiño de Santiago.

A Xunta de Galicia expresa aos seus familiares e amigos o seu pesar polo seu falecemento ao tempo que expresa o seu recoñecemento á súa ampla traxectoria e á súa importante achega á revitalización do Camiño de Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *