A Xunta financiará actuacións de mellora paisaxística e embelecemento ao longo do Camiño de Santiago

A Xunta de Galicia anunciou a convocatoria de axudas, cun orzamento de 1,2 M€, para financiar máis dun cento de actuacións de mellora paisaxística e embelecemento ao longo do Camiño de Santiago.

En concreto, esta nova convocatoria de axudas está dirixida tanto a entidades locais como a persoas físicas e xurídicas e as actuacións deberán realizarse a partir do 1 de xaneiro de 2020.

Estas axudas contarán con dúas categorías. A primeira está dirixida a actuacións propostas por entidades locais, incluíndo os concellos polos que pasa o Camiño de Santiago, así como deputacións ou mancomunidades, sempre que teñan competencias para a actuación proposta. Permitirá financiar un mínimo de 40 actuacións e contará cun orzamento de 600.000 euros.

Polo que respecta á segunda liña, financiará un mínimo de 60 actuacións, contará cunha dotación de 600.000 euros e está dirixida a persoas físicas ou xurídicas privadas titulares dun dereito real sobre un ben moble, inmoble, recurso ou elemento situado no Camiño ou aos arrendatarios destes bens. Tamén se inclúen comunidades de propietarios, asociacións de veciños ou comunidades de montes veciñais en man común.

No que se refire ás actuacións obxecto destas axudas, hai cinco categorías: intervencións sobre elementos etnográficos e a súa contorna; actuacións sobre casas e eiras; intervencións no espazo agrario para reducir o impacto visual que xeran elementos en desuso ou abandonados sen interese patrimonial ou paisaxístico; actuacións para incorporar a vexetación como elemento integrador da paisaxe, e actuacións nos trazados do Camiño co fin de substituír elementos no mobiliario urbano que resulten alleos á contorna da Ruta Xacobea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *