A Xunta impulsa con ‘O teu Xacobeo’ 74 proxectos na comarca de Santiago que mobilizarán máis de 1M€

Ovidio Rodeiro informou dos actos desta convocatoria e subliñou que representan o carácter “participativo, descentralizado e sustentable” do Ano Santo

Na provincia da Coruña impulsaranse 171 actividades cun investimento de máis de 1,6 millóns de euros

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2019

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, participou esta mañá na actividade do Día da Bicicleta organizada polo concello de Boimorto, un dos beneficiarios das axudas do programa O Teu Xacobeo para levar a cabo o plan “O teu Xacobeo. Ti es parte”. Concretamente contaron cunha achega de máis de 7.000 euros da Consellería de Cultura para organizar varias actividades que comezaron en agosto e rematarán en outubro entre as que se inclúe o roteiro en bicicleta polas variantes do Camiño Inglés en Boimorto.

Ovidio Rodeiro subliñou que O Teu Xacobeo representa o carácter participativo, descentralizado e sustentable dun Ano Santo no que a cidadanía é a protagonista, xa que son os encargados de difundir os valores do Camiño de Santiago por toda Galicia.

O representante do goberno autonómico aproveitou a visita para facer balance dos proxectos O Teu Xacobeo na comarca de Santiago que permitirá impulsar 74 iniciativas de dinamización en 12 concellos desta área. Ovidio Rodeiro informou que estas actividades contan cun investimento de máis de 1 millón de euros por parte da Xunta. Ademais, este programa contempla outras 54 actividades itinerantes que percorrerán varios concellos de Galicia que contan cun apoio da Consellería de Cultura de máis 793.000 euros

Na totalidade provincia da Coruña esta cifra ascende a 1,6 millóns de euros para organizar 171 actividades desde 2019 e ata abril do 2020.

A comarca de Santiago acollerá, dentro da programación de O teu Xacobeo, accións culturais como os concertos en torno á música antiga e barroca coordinados por Ateneo Barroco e que terán lugar entre o 1 e o 12 de outubro con artistas galegos e de fóra.

Tamén a exposición fotográfica que nestes intres se pode visitar no pazo de Fonseca de Santiago, A Vía láctea, na que se recollen 40 láminas de gran formato asinadas polos fotógrafos Daniel Llamas e Daniel Lois. Outra proposta sobresaínte é a da Fundación Compostela Arquitectura, coordinada polo arquitecto Carlos Seoane, e que impulsará a publicación de libros sobre unha biblioteca andante do Camiño e un lugar de refuxio ou praza para os peregrinos.

Aínda durante o mes de setembro estanse a celebrar as visitas teatralizadas de Padrón, sobre A Traslatio, que están a ser un éxito de participación polo seu rigor e calidade interpretativa. Santiago tamén acollerá en outono unha exposición cos monicreques que percorreron Galicia durante este verán co proxecto A barraca camiño a Compostela.

No eido da inclusión, O teu Xacobeo organiza estes días na comarca o proxecto A memoria dos camiños co fin de sensibilizar á poboación en xeral sobre o Alzhéimer e para que persoas con esta doenza se acheguen ao Camiño.

A comarca compostelana tamén está a acoller moitos encontros deportivos vinculados co Camiño dentro de O teu Xacobeo. Esta fin de semana terá lugar o encontro de pretempada entre o Obradoiro e o Barcelona no Multiusos de Sar; e tamén se celebrará o Camiño Race, una proba de obstáculos que terá lugar en outubro na Cidade da Cultura, ou accións deportivas para os máis pequenos como o campus de atletismo coordinado polo Clube Atletismo Millaraio de Bertamiráns.

Un dos proxectos que está a ter una gran resposta é o coordinado polo compostelán Observatorio Ramón María Aller, con observacións astronómicas espallados por toda Galicia. E proximamente, o Monto do Gozo terá, grazas a O teu Xacobeo a primeira oficina de atención ao peregrino polaco.

Ovidio Rodeiro destacou a “gran acollida” desta iniciativa, impulsada co obxectivo de implicar e fomentar a participación de todos os axentes da sociedade no deseño do próximo Xacobeo 21. De feito, O delegado territorial lembrou que que se recibiron un total de 652 propostas de toda Galicia nas tres liñas de axuda abertas e destacou que a gran afluencia de solicitudes levou a ampliar o investimento destinado a este proxecto, pasando dos 2 millóns iniciais a un total de 4,7.

Neste senso, subliñou que o obxectivo deste programa é que chegue ao maior número de concellos galegos, con especial atención aos máis pequenos, e que teña en conta os diferentes Camiños que abranguen máis de 1.500 quilómetros en toda Galicia.

A primeira liña de axudas está destinada a proxectos formulados por entidades locais (concellos galegos, mancomunidades, consorcios locais ou deputacións. A meirande parte destas iniciativas permitirán mobilizar recursos locais, fomentarán a innovación e o uso das TIC e farán especial énfase na promoción de artistas ou creadores galegos.

A segunda das liñas foi dirixida a propostas de pemes e particulares da Coruña en proxectos centrados no desenvolvemento rural, o impulso de talento emerxente ou o fomento da igualdade. Por último, a terceira das liñas permitirá que boten andar propostas de entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro da provincia. “Confiamos en que esta iniciativa sentará as bases dun Xacobeo que sintan como propio todos e cada un dos galegos”, apuntou Ovidio Rodeiro.

Cinco ámbitos de actuación
As iniciativas seleccionadas abranguen un total de cinco áreas: o ámbito artístico, patrimonio-historia-pensamento-espiritualidade, gastronomía, ámbito deportivo e ámbito social. O ámbito artístico comprende toda unha serie de disciplinas como artes visuais, arquitectura, deseño, cultura dixital, moda, cinema e documental, todo tipo de músicas, artes escénicas, literatura e libro. No eido do patrimonio, historia, pensamento e espiritualidade terán cabida foros de reflexión, encontros, publicacións, estudos, etc.

En canto a área gastronómica, inclúense experiencias e actividades de elevado valor engadido, que contribuirán a dar a coñecer e gozar do patrimonio enogastronómico de Galicia achegando a visitantes e locais unha parte das tradicións, oficios, cultura, historia e identidade territorial, así como a promoción de produtos con denominación de orixe ou indicacións xeográficas.

No ámbito deportivo realizaranse eventos de distintas disciplinas deportivas. Inclúense actividades dirixidas e ao aire libre como camiñadas ou rutas organizadas e tamén disciplinas relacionadas co benestar e o gozo respectuoso da natureza. Por último, o ámbito social contempla proxectos relacionados coa defensa dos dereitos humanos ou vinculados a colectivos vulnerables.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *