A Xunta levará 371 actuacións a case un cento de concellos a través do programa Cultura no Camiño

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Turismo de Galicia, co patrocinio de Gadis, levarán ata finais de setembro un total de 371 actuacións por 98 concellos de toda Galicia –un de cada tres do territorio autonómico– polos que pasan as diferentes rutas xacobeas. O investimento de Cultura no Camiño ascende a 544.287,47 euros, que asumen a Xunta de Galicia, os concellos participantes e mais Gadis.

As funcións prolongaranse ata o 30 de setembro, coincidindo ademais co período de maior auxe das peregrinacións e contribuíndo a enriquecer o programa turístico dos concellos participantes.

Artes escénicas, música e circo

Cultura no Camiño conta este ano con oito novas incorporacións respecto a 2016, concretamente os concellos de O Barco de Valdeorras, Pantón, Mondoñedo, Sarreaus, Xinzo de Limia, Xunqueira de Ambía, Tui e Meis. O programa vertebra un extenso circuíto de distribución de producións escénicas e musicais galegas, e resulta un exemplo de traballo colectivo e de colaboración institucional para ofrecer a mellor programación posible, involucrando a distintas administracións, pero tamén a creadores, compañías, xestores e programadores nun ciclo pensado, deseñado e realizado por e para o público. Treixadura. Guadi Galego, Uxía, Elefante Elegante, Cé Orquestra Pantasma, Caramuxo Teatro, Raquel Queizás, Rosa Cedrón, Pistacatro, A Tropa de Trapo, TrasPediante, Sarabela Teatro, Talía Teatro, o Mago Teto… son só algúns dos artistas que farán as delicias de grandes e pequenos nestes 98 concellos ao longo de toda a primavera e o verán.

Por provincias, a que conta con máis participantes é A Coruña (34 concellos e 124 actuacións), seguida de Pontevedra (24 concellos e 96 actuacións), Lugo (24 concellos e 94 actuacións) e Ourense (16 concellos e 57 actuacións). En canto ao tipo de actividades, a predominante será o teatro, con 161 funcións, seguido da música (102 actuacións), a maxia (69), o novo circo (32) e a danza (7); todos eles espectáculos producidos recentemente en Galicia. A meirande parte terán lugar en emprazamentos ao aire libre, co que se multiplica a súa visibilidade e o seu impacto en relación coa dinamización cultural en Galicia.

+info

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *