A Xunta licita a rehabilitación da casa reitoral de Vilasantar como novo albergue de peregrinos

A Xunta de Galicia licitará por 759.791 euros a rehabilitación da casa reitoral de Vilasantar para convertela nun novo albergue a disposición dos peregrinos que percorren o Camiño do Norte.

O establecemento, que se atopa integrado no conxunto do santuario da Nosa Señora da Laxe, terá unha superficie de 325 metros cadrados e contará con 30 novas prazas, dúas delas para persoas con mobilidade reducida. Trátase dun dos proxectos contemplados o Plan de Albergues do Goberno galego para a reforma e diversificación dos establecementos rede pública coa vista no Xacobeo 2021.

Segundo recolle o proxecto, realizarase unha nova distribución de espazos, actuacións de eficiencia enerxética así como accións de rehabilitación e restauración de elementos de valor patrimonial. No que atinxe á mellora eficiencia enerxética, un dos obxectivos do Plan de Albergues, procederase á rehabilitación das envolventes da edificación, readaptando a distribución interior ás necesidades e recuperando aqueles elementos esenciais na definición da súa arquitectura como a antiga lareira, o lavadoiro de pedra ou os muros de pedra.

O novo albergue disporá de dúas plantas. Na planta baixa situarase a zona de recepción e atención ao peregrino, a zona de lecer, cociña e comedor, así como un dormitorio con baño adaptado a persoas con mobilidade reducida e un cuarto de limpeza. Na edificación auxiliar instalarase unha zona de servizos, ademais dun cuarto para bicicletas. Na planta alta desenvolveranse a zona de dormitorios, con dúas estancias amplas para aloxar aos peregrinos e aseos para ambos sexos. O prazo de execución das obras será de doce meses.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *