A Xunta de Galicia restaurará o conxunto etnográfico das pallozas do Cebreiro

A Consellería de Cultura e Turismo vén de licitar o contrato para a realización de traballos de reparación, restauración e conservación preventiva no conxunto etnográfico das pallozas do Cebreiro, no concello de Pedrafita do Cebreiro.

As principais intervencións consistirán na substitución do colmo de palla das cubertas, que será completa en tres delas e parcial na do Quico, onde se aproveitarán os mollos que se atopen en boas condicións. Tamén se reparará a estrutura de madeira da cuberta da Palloza Museo.

Igualmente, procederase a substituír ou reparar lousas nos accesos en canles perimetrais, melloraranse as instalacións de electricidade e iluminación, e aplicaranse tratamentos para evitar os ataques de insectos xilófagos ás estruturas de madeira. As obras terán un prazo de execución de catro meses.

As catro pallozas do Cebreiro que forman o conxunto están baixo a xestión da Xunta de Galicia. No que vai de ano, entre xaneiro e novembro, visitaron a Palloza Museo preto de 15.000 persoas . Os máximos rexistros de visitantes danse entre os meses de maio e outubro. Maio foi precisamente o mes de maior afluencia desta anualidade, cando se contabilizaron 2.278 persoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *