A Xunta licita o proxecto de mellora, sinalización e acondicionamento do Camiño de Inverno

A Xunta de Galicia iniciou a licitación do proxecto de mellora, sinalización e acondicionamento do Camiño de Inverno, unha das rutas con maior potencial. Trátase dunha actuación ao longo de 14 concellos de tres provincias, entre as comarcas de Valdeorras, Ribeira Sacra e Deza. En concreto, desenvolverase entre os municipios de Rubiá e Lalín, onde o Camiño de Inverno se une coa Vía da Prata para continuar a peregrinación ata Santiago de Compostela.

O obxectivo desta actuación, que se estenderá por preto de 200 quilómetros de trazado xacobeo, é mellorar e unificar a sinalización, así como acondicionar os treitos que se atopen en mal estado mantendo a coherencia coas obras que xa foron realizadas en diferentes tramos do Camiño en Galicia. Neste sentido, retiraranse os fitos que estean deteriorados e non sexa posible recuperar e repararase aqueles nos que os danos sexan menores.

Ademais unificarase a sinalización dos fitos en bo estado colocando cunchas, placas de quilometraxe ou tallando frechas. Cando sexa necesario, instalaranse novas mouteiras que serán de granito salvo nos concellos de Rubiá, Carballeda de Valdeorras, O Barco de Valdeorras e A Rúa, que serán de pizarra, algo excepcional e que supón un guino á unha materia prima esencial na comarca. Cómpre destacar que naqueles puntos onde a visibilidade das placas cerámicas en parede se vexa comprometida, instalaranse sinais verticais.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *