A Xunta licita obras de restauración e conservación na igrexa de San Nicolás de Portomarín

A Consellería de Cultura e Turismo vén de licitar os traballos de reparación, restauración e conservación preventiva da igrexa de San Nicolás de Portomarín, cun orzamento de 226.590 euros.

A intervención corrixirá a entrada de humidade que se produce a través das cubertas e os sistemas de evacuación das augas de chuvia, encontros coas torres e paseos de ronda xunto as ameas, así como as alteracións que como consecuencia desta situación poidan acusar as fachadas, en especial as portadas escultóricas.

A igrexa de San Nicolás ou de San Xoán de Portomarín, un dos monumentos máis significativos do Camiño Francés en Galicia, ten a consideración de ben de interese cultural (BIC) coa categoría de monumento. Foi construída entre os séculos XII e XIII pola Orde Hospitalaria de San Xoán de Xerusalén, seguindo a tradición dos antigos templos romanos adicados ao deus Jano.

Ten unha soa nave con dúas portas laterais na cabeceira, unha porta frontal na fachada principal ao oeste e unha ábsida semicircular ao leste. Interiormente destaca a súa altura e a orde románica expresada nas columnas dos muros e fiestras con arcadas de medio punto propias deste estilo. Exteriormente resulta impoñente a súa sinxeleza compositiva, o seu esvelto volume coroado de ameas e as catro pequenas torres que recordan o seu carácter defensivo, o rosetón da fachada principal e a delicada decoración románica. A súa situación orixinal xunto á ponte sobre o rio Miño, respondía ao control e protección do paso dos peregrinos e comerciantes pola ponte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *