A Xunta promoveu o Xacobeo 21 en Australia no primeiro congreso nacional de Amigos do Camiño neste país

A Xunta promoveu o Xacobeo 21 en Australia no marco do primeiro congreso nacional de Amigos do Camiño neste país, que se desenvolveu na cidade australiana de Adelaida e ao que asistiron máis dun cento de delegados de 12 colectivos de toda Australia e Nova Zelanda vencellados coa Ruta Xacobea.

O evento tivo entre os seus obxectivos potenciar a internacionalización do próximo Ano Santo en colaboración coas distintas asociacións participantes. Así pois, neste encontro analizáronse os desafíos pasados, presentes e futuros da Ruta Xacobea e como os colectivos internacionais de Amigos do Camiño –máis de 300 en todo o mundo– poden axudar a difundir e promocionar o Xacobeo 21.

Ademais, acordouse promover a edición e difusión gratuíta, para todas as asociacións internacionais de Amigos do Camiño, de documentos que recollan as conclusións derivadas do congreso.

O Plan Estratéxico do Xacobeo 21 recolle a internacionalización e a promoción exterior do próximo Ano Santo como un dos eixos de actuación de cara a esta celebración. No caso de Australia, trátase dun país que cada vez achega un maior número de peregrinos e que conta cun gran potencial neste eido, ao contar cunha poboación total que supera os 24 millóns de persoas.

De feito, desde o último Xacobeo, celebrado no ano 2010, a cifra de peregrinos australianos multiplicouse por cinco, superando xa a cifra dos 5.000 ao ano.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *