A Xunta rehabilitará o Mosteiro de Oseira para incorporalo á rede de albergues públicos na Vía da Prata

A Xunta de Galicia publicou a licitación para rehabilitar o Mosteiro de Santa María a Real de Oseira, en San Cristovo de Cea, que se incorporará á rede de albergues dispoñibles na Vía da Prata. Esta actuación, que se enmarca no Plan de Albergues, inclúe unha achega dun millón de euros para mellorar o espazo existente de acollida de grupos, garantir a accesibilidade e construír novas dependencias para os peregrinos que percorren esta Ruta Xacobea.

Na actualidade o Mosteiro de Oseira conta cunha nave destinada a acoller a grupos. Trátase dun espazo con problemas importantes de humidade e accesibilidade que non ten posibilidade de ventilación e iluminación natural. Para mellorar as condicións e ofrecer unha maior capacidade, o proxecto propón reconverter unha das naves abandonadas para crear un albergue de peregrinos recuperando un espazo con importante valor patrimonial.

Concretamente, as actuacións contemplan a renovación das instalacións mantendo o uso de albergar grupos e dotándoas de instalacións sanitarias accesibles e adecuadas. Ademais, rehabilitarase un dos alpendres, ampliando o seu espazo, para crear o novo albergue de peregrinos. Trátase dunha construción que permitirá poñer en valor unha edificación en desuso e que contará con dormitorios, aseos e espazos comúns.

Ao remate deste proceso, o Mosteiro de Oseira contará con dúas dependencias destinadas a peregrinos plenamente integradas e conectadas por unha cuberta horizontal ofrecendo unha sensación de calma e intimidade aos visitantes nun espazo histórico próximo ao trazado xacobeo. Ademais, a proposta da Xunta reserva a idea de converter nun futuro o antigo colexio nun centro de recepción dos visitantes que acoden ao conxunto monacal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *