A Xunta resolve os premios Camiño de Santiago 2018

A edición dos Premios Camiño de Santiago 2018, concedidos por Turismo de Galicia, xa teñen gañadores nas súas catro categorías. Nesta ocasión, a Xunta recoñece a traxectoria e o compromiso no eido xacobeo de concellos e entidades locais, asociacións de amigos do Camiño, colectivos como unha protectora de animais, investigadores universitarios ou colexios. O acto de entrega terá lugar a comezos do mes de outubro no Museo das Peregrinacións e de Santiago na capital.

Na primeira categoría, o premio recae no Consorcio de Turismo e Congresos da Coruña, polo seu labor creativo de divulgación, promoción e difusión do Camiño Inglés desde a formación ao sector local, favorecendo a responsabilidade e a internacionalización deste itinerario. Así mesmo, o segundo galardón é para o Concello do Grove por unha actuación de embelecemento e de posta en valor dun tramo da Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla, a única con carácter oficial que discorre por vía marítima na nosa Comunidade.

No ámbito dos colectivos xacobeos, a quen se dirixe a segunda categoría, o primeiro premio recoñece á Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, que durante case tres décadas mantén un labor de mantemento, divulgación e atención aos peregrinos. O segundo premio viaxa ata Asia, coa Asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Xapón, que desde 2009 traballa con hospitaleiros sobre o terreo, apostando por accións a favor da sustentabilidade da ruta, e en paralelo prepara a peregrinos no seu país de orixe.

A Asociación Protectora Animais do Camiño APACA é a gañadora dos Premios Camiño de Santiago na terceira categoría polo seu coidado cara aos animais perdidos e abandonados na ruta xacobea, con iniciativas integradoras de concienciación e asesoramento, entre outras.

Finalmente, a cuarta categoría distingue ao Grupo Compostela de Universidades, que ao longo do último cuarto de século ten contribuído ao estudo do Camiño de Santiago desde un punto de vista multidisciplinar, académico e social, incluíndo tamén a perspectiva de xénero, e favorecendo a mobilidade dos investigadores. Igualmente, recoñece á Escola de Educación Infantil de Carracedo, do Colexio Rural Agrupado de Caldas de Reis, polo seu proxecto Unha ventá aberta ao mundo, que aproveita o paso de peregrinos por diante das súas aulas para estimular nos alumnos o respecto á diversidade e o contacto con outras culturas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *