Mosteiro de Oia

A Xunta restaurará a igrexa do Mosteiro de Santa María de Oia

A Xunta de Galicia ten previsto levar a cabo un proxecto de rehabilitación da igrexa do Mosteiro de Oia. Esta actuación permitirá mellorar as condicións de humidade e resolver os problemas da falta de mantemento e conservación deste importante BIC do Camiño Portugués da Costa.

A actuación que se levará a cabo neste Ben de Interese Cultural permitirá mellorar as patoloxías derivadas da entrada de auga, así como resolver os problemas pola falla de mantemento e conservación. Así, o proxecto prevé que as principais actuacións se centren nas fachadas e cubertas, así como en mellorar as condicións de ventilación.

Para iso modificaranse os aleiros, co fin de evitar a entrada de auga pola cabeza dos muros, restaurarase a cuberta do faldón norte e rebaixarase a cota do terreo arredor das fachadas leste e sur da igrexa. Así mesmo, tamén se eliminarán os rexuntados interiores de cemento e cambiaranse as actuais carpinterías deterioradas e sen ventilación por outras de aceiro inoxidable negro con ventilación permanente.

As obras previstas no Mosteiro de Oia complétanse coa apertura da antiga comunicación entre a sancristía e a torre do campanario, co acondicionamento do adro da igrexa completando a actual pavimentación en granito e coa execución dun novo sistema de evacuación de augas pluviais e residuais de todo o conxunto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *