A Xunta reunirá na primeira gran exposición do Xacobeo obras clave da cultura galega

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura inaugurará o 8 de novembro Galicia, un relato no mundo, a primeira gran exposición internacional do Xacobeo 2021, un proxecto que aborda as relacións internacionais e o papel de Galicia na historia do mundo desde a prehistoria ata a actualidade.

Entre as máis de 300 pezas que reunirá esta ambiciosa mostra poderanse contemplar obras que nunca antes se exhibiron en Galicia, cun elevado valor simbólico e que resultan esenciais para comprender a cultura e a identidade galega no marco histórico internacional.

A Xunta vén de chegar a un acordo co Trinity College de Dublín para que por vez primeira saia de Irlanda o Libro das Invasións, obra onde se atopa a primeira mención coñecida a Breogán, o personaxe lendario que avistou Irlanda desde o faro de Brigantia (cidade tradicionalmente identificada polos historiadores como A Coruña) e figura destacada no propio Himno Galego, que converte Galicia no Fogar de Breogán.

A Xunta tamén asinou un acordo de préstamo coa Cambridge University-Parker Library en virtude do cal poderá contemplarse, tamén por primeira vez en Galicia, o Mapa de Sawley. Considerado un dos primeiros mapa mundi enciclopédicos europeos, da época do Pórtico da Gloria (século XII), a obra representa a Catedral de Santiago como o edificio máis importante de Europa, ilustrándoa en maior tamaño que a Basílica de Roma.

O anuncio de que estas obras viaxarán a Galicia prodúcese despois de que se confirmara que a exposición exhibirá dous códices calixtinos: o da Biblioteca Vaticana e o da Universidade de Salamanca, e que contará tamén co Cancioneiro da Vaticana, que xunto ao Cancioneiro de Ajuda e o Cancioneiro da Biblioteca Nacional de Lisboa constitúen o corpus máis valioso da lírica medieval galaico portuguesa.

Entre outras moitas pezas, este proxecto cultural ofrecerá a posibilidade de contemplar tamén o Itinerario de Exeria, manuscrito procedente da Biblioteca de Arezzo en Italia que relata a peregrinación desta aristócrata galaicorromana, considerada a primeira escritora coñecida da Península Ibérica. Xunto a ela estará ademais o guerreiro de Lesenho, peza central para entender a Idade do Ferro no noroeste da Península, prestado polo Museu Nacional de Arqueologia de Portugal.

A exposición, comisariada polo profesor, xornalista e divulgador Manuel Gago Mariño, explora a profunda conexión do territorio histórico galego con outros países, rompendo co mito de illamento e periferia, e poñendo de relevo o seu impacto internacional.

MÁIS INFORMACIÓN

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *