‘Camiños Sonoros’ continúa o seu percorrido pola Vía da Prata con concertos na Estrada

O ciclo impulsado pola Consellería de Cultura e Turismo, Camiños Sonoros, chega esta fin de semana á Estrada, con tres concertos de novos prodixios galegos. Durante estes días, músicos do conservatorio profesional da Estrada e do conservatorio superior da Coruña levarán ata a Alameda tres programas musicais moi diferentes que abarcan desde as cantigas populares, danzas de percusión, tangos ou composicións de música barroca.

Os concertos celebraranse venres, sábado e domingo, ás 20,00 horas, con entrada gratuíta na Alameda e, en caso de choiva trasladaranse á Igrexa de San Paio a partir das 20,45 h. O primeiro deles, o do venres, estará protagonizado por alumnos do conservatorio da Estrada, no que un dúo de percusión interpretará temas de John Beck, Yiruma, Friedman, e clásicos de Mozart, Bach, ou Bizet.

O sábado, os protagonistas serán estudantes do Conservatorio da Coruña, cun trío de clarinete, guitarra e cantante, e un programa que recolle dende seguidillas, cantigas populares e temas de García Lorca así como outros de Greenman, Piazzolla e Boutros. O domingo, actuarán de novo os alumnos do Conservatorio profesional da Estrada cun trío de frautas travesas e un programa clásico de música barroca, que recolle composicións de Carl. P. E. Bach, Boismortier, Vivaldi o Handel para pechar o ciclo musical desta fin de semana.

Os concertos están dirixidos ao público xeral e inclúense na iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia que está a percorrer varios concellos da Vía da Prata. Enmárcase na programación do Xacobeo 21 divulgando o Camiño de Santiago a través da música e no Plan Director do Camiño de Santiago, que prioriza melloras e diferentes accións de dinamización cultural na Vía da Prata en 2019. Conta coa participación de mais dun cento de estudantes de conservatorios galegos e coa dirección artística de Andrea González.

Ata finais de xullo

Camiños Sonoros continuará percorrendo ata finais de xullo diferentes concellos galegos incluídos nesta ruta xacobea en emprazamentos de interese patrimonial como o Mosteiro de Carboeiro, o Mosteiro de Oseira, ou o Pico Sacro, en Boqueixón. Tras o seu paso por A Estrada, a seguinte cita de Camiños Sonoros será en Ourense o vindeiro 21 de xuño, en Xunqueira de Ambía o 22 e 23, e no Pazo de Liñares de Lalín a fin de semana do 28, 29 e 30 de xuño.

PROGRAMA DESTA FIN DE SEMANA

Lugar: Alameda da Estrada

Venres 14 de xuño, 20,00 h.

Andrea Agra Estrariz, percusión
Damián Gómez Sánchez, percusión

Sábado 15 de xuño, 20,00 h.

Susana Pérez Fernández, clarinete
Dinorah Valdés Díez, canto
Eloy Vázquez Fontela, guitarra

Domingo 16 de xuño, 20,00 h.

Mencía Souto Couceiro
Marta Troitiño Dono
Javier Escariz Mella, frautas travesas

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *