Ciclo “Viveo o Camiño 2019” 🗓

Xa está en marcha Vive o Camiño 2019, o programa que promociona a Vía da Prata en 35 concellos das provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña polos que transcorre esta ruta. Unha iniciativa, da Consellería de Cultura e Turismo, que descobre a través de camiñadas, obradoiros de natureza e catas gastronómicas o patrimonio e as singularidades de cada un dos concellos. Todas as actividades son gratuítas e van dirixidas, previa inscrición, tanto aos peregrinos como á poboación local.

Cada unha das localidades acolle, durante a fin de semana, unha xornada na que se programan diferentes actividades para a posta en valor dos recursos locais: camiñadas, obradoiros infantís e tamén para adultos, así como catas de produtos gastronómicos. En definitiva, un programa atractivo que constitúe un punto de encontro entre peregrinos e poboación local e que afianza o sentimento de identificación co patrimonio propio.

Actividades programadas

En horario de mañá realízase a camiñada guiada para a descuberta do contorno natural da localidade, que finaliza cunha degustación dunha tapa e viños locais. Pola tarde, celébranse os obradoiros infantís, para mostrar de maneira divertida aos máis cativos a historia e valores que ten o lugar no que viven ou visitan ou realizar xoguetes con elementos naturais. Para os adultos tamén hai obradoiros nos que da man de expertos teñen a oportunidade de afondar na riqueza do patrimonio da zona ou de crear un mapa virtual de outros recursos inmateriais coas súas achegas.

O punto final á xornada pono “Cata o Camiño 2019”, na que unha actriz convida o público dunha forma lúdica a descubrir o patrimonio agochado de cada concello. Entrevistas a produtores e artistas da localidade, músicas propias e cata de produtos da zona. Unha viaxe a través dos sentidos polas singularidades e potencialidades propias de cada concello.

Motor das potencialidades locais

Vive o Camiño xoga un papel relevante na promoción da Vía da Prata de cara ao Xacobeo 2021 con especial incidencia nos peregrinos e nas propias poboacións locais para afianzar a percepción desta ruta coma un motor con potencialidades para impulsar a economía local e promocionar as singularidades culturais, patrimoniais e naturais de cada zona. Facer sentir e comprender o que supón o Camiño de Santiago no S XXI.

O programa Vive o Camiño 2019 levará a súa programación ao longo das próximas semanas aos concellos de Allariz, Amoeiro, Baños de Molgas, Boqueixón, Castrelo do Val, Coles, Cualedro, Dozón, A Estrada, A Gudiña, Lalín, Laza, A Mezquita, Monterrei, Oímbra, Ourense, Paderne de Allariz, Piñor, Riós, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Sarreaus, Santiago de Compostela, Silleda, Taboadela, Trasmiras, Vedra, Verín, Vilamarín, Vilar de Barrio, Vilardevós, Vilariño de Conso, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

Datas do mes de outubro:

5/10/2019 – A Gudiña
12/10/2019 – Laza
13/10/2019 – Vilariño de Conso
19/10/2019 – Vilardevós
20/10/2019 – Oimbra
26//10/2019 – Verín
27/10/2019 – Monterrei

from to
ical Google outlook Eventos Noticias

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *