Conclúe a terceira edición do programa de hospitaleiros voluntarios no Camiño de Santiago

A terceira edición do programa de hospitaleiros voluntarios no Camiño de Santiago contou o pasado ano coa participación de máis de 20 voluntarios que, por primeira vez, procederon de catro nacionalidades diferentes dando así resposta á crecente internacionalización da ruta xacobea, na que máis da metade dos peregrinos ao longo de 2017 foron estranxeiros, representando o 56% do total.

A iniciativa, impulsada por Turismo de Galicia, a través do Xacobeo, e pola asociación estadounidense de amigos do Camiño American Pilgrims on the Camino, está a reforzar desde hai tres anos con gran éxito a acollida aos peregrinos que percorren as diversas rutas de peregrinación en Galicia. O balance de 2017 revela a participación dun total de 23 voluntarios, dos que 18 proceden da Asociación American Pilgrims on the Camino de Estados Unidos que tiveron como sede o albergue de Ribadiso no Camiño Francés.

Tamén participaron tres voluntarios da Asociación de Amigos do Camiño de Holanda que fixeron a súa estadía nos albergues de Pontecesures, no Camiño Portugués; no de Baamonde, no Camiño Norte, e no de Muxía, no Camiño de Fisterra-Muxía, localidade na que tamén participou un voluntario da asociación de Amigos do Camiño de Santiago en Cerdeña. No albergue de Lugo, no Camiño Primitivo, contouse coa participación dunha voluntaria da Confraría do Apóstolo Santiago de Rio de Janeiro (Brasil).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *