Correos presenta dous novos selos dedicados ao Camiño de Santiago e a Compostela

O Hostal dos Reis Católicos acolleu o acto de presentación dos dous novos selos que Correos dedicou ao Camiño e á cidade de Compostela. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e do presidente de Correos, Javier Custa.

Durante o acto de presentación dos selos Patrimonio Mundial. Santiago de Compostela e Camiño Costeiro, o presidente da Xunta afirmou que o Camiño de Santiago e Correos teñen un común denominador: “Ambos comunican e constrúen Comunidade nunha teima tenaz que se remonta nos tempos”, dixo, lembrando que desde 1937 a Fábrica Nacional de Moeda e Timbre edita un selo conmemorativo de cada ano santo compostelán. Un total de 69 selos que divulgaron por todo o mundo diferentes monumentos e lugares de Compostela e a Ruta Xacobea.

A Xunta de Galicia e Correos están a traballar nunha peregrinación singular que se iniciará no outono en Williamsburg, Estados Unidos, cunha exposición que percorrerá cinco cidades de América do Norte, incluíndo Chicago e Nova York.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *