Cultura e Turismo restaurará a igrexa do mosteiro de Santa María de Oia no Camiño Portugués da Costa

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, asinou un convenio de colaboración coa Diócese de Tui-Vigo, representada polo seu bispo, Luis Quinteiro, para a restauración da igrexa do mosteiro de Santa María de Oia (Pontevedra), catalogado como Ben de Interese Cultural.

O obxecto deste acordo é regular as bases de colaboración para aposta a disposición dos terreos e inmobles necesarios para a execución das actuacións de conservación e restauración de dito inmoble eclesiástico. Deste xeito, redactarase o proxecto básico e de execución e concretaranse as obras necesarias, todo elo cunha inversión por parte da Administración autonómica de 776.000 euros e cun prazo de execución de 18 meses.

Para garantir a conservación deste senlleiro ben, actuarase nas humidades que presenta no seu interior, preservando así as pinturas murais e o retablo que alberga a igrexa. Ademais, coa finalidade de reparar, conservar, restaurar e poñer en valor o conxunto do templo, atenderase aos sistemas construtivos que configuran a envolvente do inmoble como a cuberta, os paramentos verticais, as bóvedas e os pavimentos e carpinterías, tanto polo exterior como polo interior.

Este convento comezou a construírse a mediados do século XII durante o mandato de Alfonso VI. Pouco despois pasou a formar parte da Orde do Císter e ao longo dos séculos experimentou diversas reformas, motivo polo que conserva elementos románicos, góticos e barrocos.

A igrexa é románica de transición ao gótico e ten planta de cruz latina. A nave central cóbrese con bóveda de canón apuntado, apoiada sobre arcos faixóns que arrincan de ménsulas graduadas, do mesmo xeito que as laterais. A ampla cabeceira está conformada por cinco capelas rectangulares que corresponden directamente cos brazos do cruceiro Preside o templo un retablo maior manierista de comezos do século XVII con relevos e escenas dos santos do Císter e da vida de María, patroa do mosteiro. A igrexa comunica co claustro a través dunha porta do século XVI, da mesma época da que data a antiga sacristía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *