Falece o publicista Luís Carballo creador do Pelegrín

O publicista e editor Luís Carballo (Xinzo de Limia, 1938), creador do Pelegrín, que foi a imaxe do Xacobeo 93, e do coñecido slogan La arruga es bella para Adolfo Domínguez, faleceu onte na súa casa de Panxón por mor dunha parada cardiorrespiratoria.

Carballo, que residía en Vigo desde facía case catro decenios, impulsou a imaxe da moda galega ao exterior a través de distintas campañas. Para o deseñador tamén ourensán Adolfo Domínguez realizou importantes campañas, que contribuíron a situar a marca no máis alto do panorama, entre estas, a famosa La arruga es bella, a principios da década dos noventa, así como para Gene Cabaleiro, María Moreira, Florentino e Kina Fernández, entre outros modistos.

Carballo, que abriu a súa axencia de publicidade en 1959, foi un dos impulsores da pasarela de moda Luada, que se celebraba en París, Barcelona, Vigo, Santiago e A Coruña, e o fundador de Galicia Moda, a revista referente no sector téxtil nos anos oitenta. Así mesmo, foi o pai do Pelegrín, a mascota e logotipo oficiais do Xacobeo 93, sen dúbida a imaxe máis coñecida e recoñecida do Xacobeo.

Fonte e imaxe: Faro de Vigo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *