Galicia afianza o irmandamento coa cidade francesa de Lorient colocando unha mouteira do Camiño de Santiago

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presidiu a inauguración dunha mouteira do Camiño de Santiago na Esplanade du Moustoir, en Lorient, Francia. O dirixente autonómico, acompañado polo alcalde da cidade francesa, Norbert Métairie, descubriu este simbólico fito, situado a 1.979 quilómetros da Catedral de Santiago, meta da peregrinación xacobea.

Ao longo deste acto, o titular de Cultura e Turismo salientou que o elemento pétreo instalado no corazón desta localidade francesa servirá para consolidar o irmandamento entre Galicia e Lorient, “dúas terras cun forte vencello afianzado desde hai séculos na chamada Vía turonense”, unha ruta francesa que se unía cos Camiños do Norte e co Camiño Francés, o principal itinerario cara a Santiago de Compostela. Este fito está situado fronte á sede do Concello de Lorient e moi próxima ao recinto no que se celebra o Festival Intercéltico de Lorient, onde Galicia participa na edición deste ano como territorio convidado.

A mouteira conta cos principais símbolos do Camiño: a concha, un dos máis antigos e representativos da Ruta Xacobea; a frecha amarela, que indica a dirección correcta, e o punto quilométrico que sinala a distancia ata a Catedral de Santiago.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *