Galicia conmemora o 25º Aniversario da Declaración do Camiño Francés como ben do Patrimonio Mundial da Unesco

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, participou nos actos de celebración do 25º Aniversario da Declaración do Camiño Francés en España como ben do Patrimonio Mundial. Na súa interevención destacou que os máis de 3,6 millóns de peregrinos que desde 1993 ata hoxe chegaron a Santiago de Compostela non viaxaron ao pasado senón “a un futuro capaz de integrar épocas, culturas e vivencias”. Así mesmo, apelou á responsabilidade de acrecentar o valor dun Camiño que discorre por distintas rutas e transcorre por máis de 100 concellos, cun programa de rehabilitación, restauración e valorización dos bens de interese cultural afectados. “E farémolo, facendo desa nova cita coa historia -o Xacobeo 2021-, un acontecemento comunitario do cal todos os galegos temos que formar parte”, aseverou.

Durante unha visita á mostra Fotos dos XXV anos da Declaración do Camiño Francés en España, subliñou que Galicia ten unha presenza moi destacable na selecta lista do Patrimonio Mundial, coa Muralla de Lugo, a Torre de Hércules e os Camiños do Norte. Hai soamente dúas semanas a Pedra Seca incorporábase ao Patrimonio Cultural da Humanidade e, agora mesmo, están en marcha tres candidaturas: a Ribeira Sacra, as Cíes-Illas Atlánticas e O Ferrol da Ilustración, ademais da celebración neste 2018 do Ano Europeo do Patrimonio Cultural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *