Galicia e Tanabe renovan os lazos de unión entre os camiños de Santiago e o Kumano Kodo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Tanabe, Mitsutoshi Manago, renovaron hoxe os lazos de unión entre os Camiño de Santiago e o Kumano Kodo.

O vindeiro 9 de outubro cumpriranse vinte anos desde que o presidente Manuel Fraga e o gobernador da prefectura de Wakayama, Isamu Nishiguchi, firmaran un acordo para irmandar os dous camiños.

Este irmandamento traduciuse nun acicate para as relacións bilaterais entre os dous territorios que se reforzan, ano tras ano, a través de visitas institucionais como a que realizou o príncipe Naruhito en 2013 na que percorreu un tramo do Camiño de Santiago; a viaxe do presidente da Xunta en 2014 ao país nipón; ou a visita á Comunidade do primeiro ministro, Shinzo Abe.

Así mesmo, a irmandade entre Santiago e Tanabe tradúcese en numerosas actividades, entre as que destaca a credencial dual establecida para as persoas que percorren ambas as rutas, contribuíndo así ao fenómeno de internacionalización das peregrinacións. E os programas de intercambio para a xuventude de Galicia e de Wakayama permitirán este ano, no marco do programa Xuventude, que 30 mozos galegos entre 18 e 30 anos vivan unha experiencia enriquecedora para a súa formación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *