Galicia participou na Asemblea Xeral da Fédération Française des Associations des Chemins de Compostelle

A pasada fin de semana tivo lugar a Asemblea General da Fédération Française des Associations des Chemins de Compostelle celebrada en Saint Jean Pied de Port, lugar emblemático do Camiño Francés.

Nesta Federación están integradas un total de 45 colectivos xacobeos de toda Francia, que traballan con intensidade nunha tripla dimensión cos peregrinos: informar, preparar e ofrecer acollida e hospitalidade ao longo dos 17.000 km marcados en Francia e mesmo noutros itinerarios en España.

Participaron nesta Asemblea en torno a 160 persoas, así como representación  do movemento asociativo xacobeo de España, Bélxica, Inglaterra e Alemaña.

Francia que ten sido o gran impulsora da reactivación do Camiño de Santiago dende os anos cincuenta do pasado século cando foi creada en París a primeira asociación xacobea, a Societé Française des Amis de St. Jacques de Compostelle, nos último anos viven unha menor dinámica coa chegada de unicamente 8.600 peregrinos (igual que no ano 2012).

A Xunta de Galicia estivo representada polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, que presentou ao movemento xacobeo francés o traballo que desenvolve a Xunta de Galicia en torno ao Camiño de Santiago e, especialmente, a colaboración coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, informándolles das axudas que anualmente se convocan. Sánchez Bargiela falou tamén dos preparativos para o vindeiro Xacobeo 2021 e da necesidade de implicar a todos os axentes que traballan no Camiño de Santiago nesta celebración.

Completou a presenza da Xunta de Galicia unha conferencia de Francisco Singul, responsable da área de cultura xacobea do Xacobeo, que ofreceu unha panorámica histórica do Camiño de Santiago e da meta da peregrinación, a cidade e catedral de Santiago de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *