Hoxe, día 10 de decembro, celébrase o 25 aniversario da inclusión do Camiño Francés na lista do Patrimonio Mundial da Unesco

A Xunta de Galicia comeza os actos conmemorativos polo 25 aniversario da inclusión do Camiño Francés na lista indicativa do Patrimonio Mundial da Unesco. A celebración incluirá diversos eventos e iniciativas non só en Santiago de Compostela, meta da peregrinación, senón ao longo do Camiño de Santiago. Así ata o próximo día 11, preto dunha decena de monumentos da Ruta Xacobea iluminaranse para sumarse a esta efeméride.

Todos eles variarán a súa habitual instalación lumínica e vestiranse coas cores características do Camiño de Santiago. Cada noite ao longo de seis xornadas, iluminaranse en tons azuis e proxectarase sobre eles a popular frecha amarela, o símbolo que guía aos peregrinos nos distintos itinerarios e que resultou clave na recuperación contemporánea deste fenómeno.

Esta acción especial terá lugar en varios dos monumentos máis emblemáticos do Camiño Francés, en diferentes concellos, dando un carácter global á conmemoración. En concreto, poderá verse na igrexa de San María a Real do Cebreiro, na de San Salvador de Sarria, en San Nicolás de Portomarín e en San Pedro de Melide. Ademais, na capital compostelá, iluminarase a capela de Ánimas, a igrexa de San Bieito do Campo, a torre da Berenguela da Catedral, na súa fachada da praza de Praterías, e as Torres Hejduk da Cidade da Cultura.

Galegos e peregrinos poderán así ser partícipes dun aniversario que marcou un antes e un despois para o Camiño de Santiago, ata a súa dimensión e recoñecemento actual, como un dos itinerarios de peregrinación máis universais que contribuíu decisivamente á protección e conservación do seu patrimonio e ao desenvolvemento socioeconómico da Comunidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *