Identificados dous valiosos manuscritos do século XIII de Bernardo de Brihuega, colaborador do rei Afonso X

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) garda na súa colección de pergameos un valioso manuscrito, recentemente identificado, da obra haxiográfica de Bernardo de Brihuega, estreito colaborador do rei Afonso X (1252-84). Trátase de dous fragmentos –un bifolio e unha folla solta– en castelán das Vidas y pasiones de los Apóstoles, datables a finais do século XIII ou comezos do XIV, que constitúen o testemuño máis antigo conservado desta obra, da que até agora só se coñecían algunhas copias tardías (desde segunda metade do XIV até comezos do XVI) en latín, castelán e portugués.

Os fragmentos en cuestión teñen o valor engadido de pertenceren a un códice haxiográfico moi coidado, seguramente de procedencia rexia, en que se copiaría a tradución castelá íntegra do libro II de Bernardo de Brihuega sobre a vida e as paixóns dos apóstolos. Neste caso, o contido conservado nos dous fragmentos correspóndese con varios capítulos da vida e paixón de Santo Tomás, San Marcos e San Andrés.

É moi relevante, ademais, que o bifolio fora reutilizado como capa dun libro de apeo dos bens do convento feminino de Santa Clara de Allariz, único mosteiro galego de fundación real, pois permite reconstruír o itinerario cultural do códice desde a corte castelá até o territorio galego e a súa eventual difusión ao reino portugués nas primeiras décadas do século XIV.

A colección haxiográfica de Bernardo de Brihuega, compilada baixo o mecenado do rei Sabio, estaba composta por cinco libros sobre a historia da Salvación e dos seus protagonistas a partir do Novo Testamento: a vida de Xesús e de Santa María (libro I), as vidas e paixóns dos apóstolos (libro II), as paixóns dos mártires (libro III), as vidas dos confesores (libro IV) e as vidas das virxes (libro V).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *