III Andaina Escolar polo Camiño de Inverno

A Asociación do Camiño de Inverno pola Ribeira Sacra organizou a III Andaina Escolar polo Camiño de Inverno, na que participaron preto de 1.000 escolares de centros educativos das comarcas de Quiroga e val de Lemos.

Nesta terceira edición, o percorrido comprendeu un tramo desde Diomondi a San Pedro de Líncora, uns 5 km, dentro da etapa entre Monforte de Lemos a Chantada. É un itinerario de gran beleza que discorre en gran parte por unha calzada romana e entre viñedos en socalcos, tan típicos da Ribeira Sacra, cruzando o río Miño en Belesar.

Os obxectivos que se perseguen son: un, promover o Camiño de Inverno, entre os máis novos, como un valor histórico e patrimonial próximo que deben coñecer e como unha ferramenta educativa para o profesorado, de primeira man, que lles pode ser de gran utilidade para captar a atención e motivación dos seus alumnos; outro, facilitar a convivencia entre distintos centros escolares e con compañeiros de distintas idades; e por último, promover a Ribeira Sacra que busca o seu recoñecemento como Patrimonio da Humanidade, a través do Camiño de Inverno.

En representación da Consellería de Cultura e Turismo participou o director-xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela.

Fotografía: ©La Voz de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *