Imprescindibles do Camiño de Santiago

Á hora de facer o Camiño de Santiago é importante ter en conta varios consellos que, ademais de axudarnos, facilitarán a nosa viaxe.

O primeiro de eles é prepararse física e mentalmente, posto que o Camiño supón todo un reto e normalmente non estamos acostumados a camiñar decenas de quilómetros en días consecutivos. Non se trata de facer moito deporte a semana anterior, senón de adestrar de xeito constante no tempo durante as seis ou oito semanas previas para acostumar ao noso corpo e á nosa mente ao desgaste que supón camiñar de maneira continuada. Ademais, o recomendable é iniciar estes adestramentos co calzado que imos utilizar ao longo da viaxe e, polo menos a semana previa, facelo tamén coa mochila que vamos levar para acostumarnos ao peso.

Tamén é importante planificar en que época imos facer o Camiño. A maioría dos peregrinos consideran que a primavera e o comezo do outono son as mellores, posto que en verán as condicións climatolóxicas poden chegar a angustiarnos e no invernos hai algúns albergues que cerran as súas portas.

En canto ó calzado adecuado para camiñar, o máis habitual é usar botas de montaña, que nos illan do frío e nos suxeitan o nocello, e se viaxamos en meses de calor, o que se recomenda é utilizar zapatillas de montaña, xa que fan que os nosos pés se quenten menos. Ademais, debemos empregar calcetíns sen costuras e feitos de fibras, para que os pés transpiren ben, e nunca de algodón, xa que se mollan con facilidade e poden producir bochas.

Outra cousa importante é a mochila, que non debería superar o 10% do noso peso e debe levar só o imprescindible. Ademais, debe ter suxeición na cintura, para repartir o peso correctamente e non só sobre os nosos ombreiros.

O seguinte será planificar as etapas do Camiño de Santiago ao noso ritmo, decidindo cantas etapas faremos e cantos quilómetros recorreremos. O importante é adaptar a distancia de cada etapa á nosa condición física. Unha boa idea é comezar o Camiño facendo distancias cortas e ir aumentando ata unha media de 20 ou 25 quilómetros por día. E se nalgún momento nos sentimos con molestias, o mellor é tomarnos un descanso ou dedicar un día enteiro a recuperarnos para evitar posibles lesións.

Por último, é recomendable buscar información sobre albergues, cámpings, pensións ou hoteis no Camiño. Nos albergues será necesario presentar a credencial do peregrino para poder aloxarnos e, de maneira xeral, non se poden facer reservas, polo que é bo estar informados doutras posibles opcións para pasar a noite.

Facer o Camiño de Santiago é toda unha experiencia, non só por chegar a Santiago senón en todo o seu recorrido, polo que calquera consello nos servirá de axuda e fará que a viaxe sexa inesquecible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *