Jesús Curros, Premio de Ensaio Camiño de Santiago

A primeira edición do Premio de Ensaio Camiño de Santiago convocado pola Academia Xacobea coa colaboración da Consellería de Educación e Cultura, a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a editorial Galaxia, e co patrocinio de Aluminios Cortizo, estreouse cunha boa acollida e un gran nivel de calidade.

Un total de 7 obras enviadas desde distintos puntos de España concorreron a este certame co que a entidade con sede en Santiago afonda no seu afán de dar presenza ao Camiño e ao fenómeno xacobeo no eido da literatura.

Tras examinar e valorar todas as obras, o xurado acordou por unanimidade conceder o galardón a Escenas, Imágenes y Sonidos del Camino, o orixinal presentado polo funcionario da administración local compostelá Jesús Curros Neira.

O xurado valorou a súa “posta en valor da visión e do aproveitamento de todo o relacionado co tema Xacobeo desde distintos ángulos culturais”, nun texto “elegantemente escrito, de fácil e amena lectura que, sen dúbida, captará a atención do lector desde as primeiras páxinas. A arquitectura, a literatura, non só a galega e española, senón toda a literatura universal, pasando pola música, tanto sagrada como profana, o cine, e xéneros como o tebeo, o cómic ou a banda deseñada danse cita nesta magnífica obra de ensaio”.

Para Curros Neira, licenciado en Dereito pola USC, este non é o seu primeiro galardón na literatura. Con anterioridade xa fora premiado noutros certames como o Vieiragrino (2017), en Valencia, polo relato La leyenda del diablo que viajaba en autobús. Nese mesmo ano recibe pola súa novela curta La Isla de hierro, o premio Santoña… la mar. Outros tres relatos seus, Desde un autobús, A las dos en punto de la tarde e Carretera a ninguna parte, resultaron premiados no ano 2018 no XIII Concurso de Relatos de Viaxe da editorial Moleskin.

En 2019 gaña o 10º Premio Internacional de Novela Alcorcón Siglo XXI con Hubo un tiempo mágico y distante. Tamén ten publicado outros ensaios como Compostela, mil años de literatura ou La evolución urbana de Santiago.

No xurado estiveron o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; o decano de Filosofía, Marcelino Agís; Josefa Sanz, catedrática de Ciencias y Técnicas Historiográficas da Universidade de Oviedo; Francisco Castro, director de Galaxia, e o académico Ulises Bértolo.

Fonte e fotografía: El Correo Gallego

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *