‘Música no Camiño’ achegará a música popular galega aos peregrinos a través de 14 concertos durante o mes de agosto

O ciclo Música no Camiño, organizado por Turismo de Galicia en colaboración coa Federación Galega de Bandas de Música Populares, continuará achegando durante o mes de agosto a música popular galega aos peregrinos que cheguen a Santiago, cun total de 14 concertos.

A iniciativa, impulsada por Turismo de Galicia e a Federación Galega de Bandas de Música Populares, leva celebrándose con éxito dende o pasado mes de xuño coa intención de ofrecer unha programación de concertos de música popular galega á chegada dos peregrinos a Santiago de Compostela.

Todos eles son concertos gratuítos, teñen unha duración aproximada dunha hora e se celebran na Praza de Praterías ás 20:30 horas, despois da celebración da Misa do Peregrino. Para o mes de agosto están previstos concertos a fin de semana do 4, 5 e 6, a cargo da Banda de Música de Sanxenxo, da Agrupación Musical Artística de Arcade e da Banda de Música Municipal de Silleda.

A semana do 11 de agosto, os concertos estenderanse durante o venres 11, sábado 12, domingo 13, luns 14 e tamén martes 15 a cargo de Unión de Gulans, Ateneo Musical de Benbrive, Unión Musical de Tenorio, Sons e Soños e Unión Musical de Coruxo.

O venres 18 de agosto a música popular galega virá da man de Unión Musical Ponteledesma, o sábado 19 de agosto, da Banda de Música Xuvenil de Torroso e o domingo 20 a cargo da Agrupación Musical do Rosal. O mes de agosto rematará coas actuacións da Banda Artística de Merza o venres 25, da Banda Xuvenil de Barro o sábado 26 e a Banda de Música de Ordes, o domingo 27.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *