O Camiño de Santiago foi premiado na XV edición dos Premios Xavier del Turismo-HTS

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, asistiu en Barcelona á entrega dos XV Premios Xavier do Turismo-HTS, onde recolleu o premio Categoría Profesional: Camiño de Santiago. Galardón outorgado pola súa longa traxectoria no desenvolvemento dun turismo humanizado baseado na acollida e a hospitalidade. Neste sentido, o xurado valorou que desde a súa creación en 1991 ata a actualidade, a S.A. de Xestión do Plan Xacobeo puxo en valor, dinamizando e promocionando os camiños de Santiago e a cultura xacobea, co obxectivo primordial de impulsar a dinamización sociocultural e socioeconómica de grandes áreas de Galicia.

Uns premios que desde 2003 outorga a Facultade de Turismo e Dirección Hoteleira San Ignasi para distinguir a personalidades ou institucións que teñan contribuído ao desenvolvemento do sector e ao seu impulso na formación. Non en van, o xurado destes premios está formado por 14 personalidades de prestixio entre os que se atopan varios directores de escolas de turismo, universidades e altos directivos de empresas internacionais, como o ex-ministro de Educación e ex-director xeral da Unesco, Federico Mayor Zaragoza, o reitor da Universidade Ramón Llull, Josep María Garrell, ou o ex-presidente do Consello Xeral da Avogacía e vicepresidente emérito do Tribunal Constitucional, Eugeni Gay, que foi o encargado de entregar o premio ao presidente da Xunta.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *