O Camiño de Santiago recibe en Bruxelas o Premio Aquí Europa- Vocento

O Camiño de Santiago segue a ampliar a súa lista de recoñecementos a nivel internacional, á que desde hoxe se engade o Premio Aquí Europa-Vocento. A ruta xacobea recibiu en Bruxelas esta nova distinción, na categoría de iniciativas culturais, pola súa importante contribución á imaxe de Europa no mundo.

O acto de entrega, celebrado na Casa da Historia Europea, foi presidido por Antonio Tajani, presidente do Parlamento Europeo, nunha xornada simbólica para o Camiño de Santiago, pois coincide co peche do programa conmemorativo do 30 aniversario da súa declaración como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Ao longo do último mes, programáronse diversas iniciativas para lembrar esta efeméride e reflexionar sobre os seus valores integradores.

Rafael Sánchez, xerente da S. A. de Xestión do Plan Xacobeo, recolleu o galardón xunto a Almudena Hospido, vicerreitora de Internacionalización da Universidade de Santiago de Compostela, e Tomás Gómez-Acebo, vicerreitor de Alumnos da Universidade de Navarra.

Os Premios Aquí-Europa Vocento buscan promover e recoñecer accións meritorias aliñadas co ideario e espírito da Unión Europea que fomenten a unidade e integración do proxecto continental. O Camiño de Santiago obtén esta distinción como iniciativa cultural. Ademais, entregáronse outras nos eidos de institución/personalidade, empresa, comunicador e país.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *