O Camiño do Norte conta cun novo albergue de peregrinos no Concello de Friol (Lugo)

Trátase dun proxecto realizado pola Xunta de Galicia que supón unha mellora na capacidade de acollida do Camiño do Norte, Patrimonio Mundial da Unesco desde 2015.

Co obxectivo de reforzar os servizos de atención aos peregrinos que realizan este itinerario xacobeo, o Executivo galego inaugurou recentemente esta infraestrutura, integrada nunha rede de 69 establecementos en toda a Comunidade. O albergue deu xa servizo arredor de 300 peregrinos, que pernoitaron nunhas instalacións acondicionadas para a súa estadía e prestación de servizos en espazos como salas de uso común, comedor, cociñas ou baños.

Localizado na Cabana, parroquia de Nodar, dispón de 29 prazas, tamén para peregrinos con mobilidade reducida, afondando así nos obxectivos do Plan de accesibilidade turística e do Camiño de Santiago que está a transformar a rede pública xestionada polo Xacobeo. Nesta liña, tamén o exterior do recinto dispón de ramplas de acceso ou varandas de protección.

O de Friol é o noveno albergue do Camiño do Norte e o número 28 da provincia de Lugo nas súas diferentes rutas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *