O camiño e a mochila, todo o que cómpre saber

Preparar a mochila é unha das cousas que máis dor de cabeza nos produce á hora de facer o Camiño de Santiago. O feito de ter que cargar con ese peso durante varios días seguidos obríganos a ser prácticos e a seleccionar ben o que metemos dentro e o que deixamos na casa.

Para empezar, recoméndase que a mochila teña suxeición á cintura para repartir mellor o peso, e se ademais pode ter cerre tamén no peito, moito mellor. Ademais, é convinte que teña ombreiras axustables e departamentos de acceso rápido para ter á man a auga, por exemplo. O importante é que sexa cómoda e lixeira. Tampouco deberíamos esquecer levar un impermeable para mochilas (mellor se é axustable).

Unha vez temos a nosa mochila, é o momento de empezar a enchela.

O máis imprescindible é, sen dúbida, o saco de durmir. Sempre hai que levar saco (agás se optamos por durmir nun hotel) e este debe ser lixeiro. Ademais, o aconsellable é que ese saco sexa de fibra, capaz de illar temperaturas entre 10 e 15 grados.

A partir de aí:

  • Cantimplora.
  • Dúas ou tres mudas e un par de pantalóns e de polares que ocupen e pesen pouco. Ademais, é importante levar chuvasqueiro adaptado á época do ano.
  • Tres ou catro pares de calcetíns.
  • Chanclas para a ducha e para andar ó finalizar a xornada.
  • Viseira ou sombreiro para protexernos do sol, tanto na fronte como na caluga.
  • Unha toalla de microfibras. Estas toallas están fabricadas en poliéster e poliamida e secan con rapidez. Ademais, teñen moi pouco peso.
  • Cepillo, pasta de dentes e xabón tanto para o noso aseo como para lavar a roupa.
  • Un pequeno botiquín co básico. Un consello é que, se se fai o Camiño en compañía, pódese levar un botiquín conxunto e repartir o peso.
  • Crema de protección solar.
  • Son moi recomendables as cremas anti rozaduras para os pés e para o corpo.
  • DNI, tarxeta sanitaria, unha tarxeta de débito/crédito e a credencial do peregrino.

A roupa (tamén a que levemos posta) debe axustarse á época do ano en que fagamos o Camiño, facendo uso de gorro e luvas en caso de facelo nos meses máis fríos, e en todos os casos recoméndase que sexa roupa moi transpirable.

Unha vez o teñamos todo na mochila, é convinte probala e facer probas con ela posta durante os días antes. Se vemos que pesa demasiado, debemos ordenar a lista de prioridades e quitar algunha cousa. En caso de ter que prescindir de algunha, empezaremos polas cousas de “por se acaso”, esas cousas que non estamos seguros que vaiamos usar, pero que engadimos sempre por se resultara que nos fixeran falta. E neste punto convén recordar que non vamos facer unha travesía por una zona deserta, senón que hai posibilidade ao longo de todo o camiño de adquirir o que necesitemos no caso de necesitalo nalgunha tenda o farmacia.

Agora si… ¡que comece a viaxe!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *