O ciclo ‘Cultura no Camiño’ programa 284 actuacións en 76 concellos das 10 rutas xacobeas

A Xunta de Galicia está a promover por sétimo ano consecutivo o ciclo Cultura no Camiño, que acolle, ata finais de setembro, 284 actuacións escénicas e musicais en 76 dos concellos polos que discorren as 10 rutas xacobeas en Galicia. Esta iniciativa, impulsada pola Consellería de Cultura e Turismo en colaboración cos municipios asociados en cada edición, volve contar ademais co patrocinio de Gadis.

A sétima edición, que arrancou en maio e se prolongará ata finais de setembro, intensifica a súa actividade durante o período vacacional, coincidindo cunha maior afluencia de peregrinos e contribuíndo tamén a enriquecer o programa turístico das localidades nas que se celebra. Todas elas están situadas nalgunha das rutas de peregrinación polas que discorre o Camiño de Santiago en Galicia: Camiño Francés, Camiño de Fisterra-Muxía, Camiño de Inverno, Camiño do Norte, Camiño do Sueste-Vía da Prata, Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño Portugués pola Costa, Camiño Primitivo e Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

Por provincias, 107 das actuacións teñen lugar en 29 concellos coruñeses (A Pobra do Caramiñal, Ames, Arzúa, Boiro, Boqueixón, Cabanas, Cambre, Carral, Cee, Culleredo, Dumbría, Fene, Fisterra, Miño, Narón, Neda, Negreira, O Pino, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Rianxo, Ribeira, Rois, Santa Comba, Sobrado, Teo e Vilasantar); en Lugo, 20 concellos ofrecerán 74 citas (A Fonsagrada, Baleira, Barreiros, Begonte, Castroverde, Chantada, Friol, Guitiriz, Guntín, Mondoñedo, Monforte de Lemos, Palas de Rei, Pantón, Paradela, Portomarín, Quiroga, Ribadeo, Sarria, Trabada e Vilalba); 11 concellos de Ourense achéganlle ao seu público 44 funcións (A Mezquita, Allariz, Baños de Molgas, Monterrei, O Barco de Valdeorras, Riós, San Cibrao das Viñas, San Cristovo de Cea, Sandiás, Vilariño de Conso e Xinzo de Limia); e en Pontevedra, 16 municipios programan 59 representacións (A Guarda, A Illa de Arousa, Catoira, Meaño, O Grove, O Porriño, O Rosal, Pontecesures, Portas, Redondela, Rodeiro, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Vilaboa e Vilanova de Arousa).

Ademais, o programa ofrece unha destacada escolma da actual produción escénica e musical galega con nomes como Mago Teto, Cayetano Llefó, Martín Camiña, A Banda de Balbina, Aldaolado, De Vacas, Habitación Vudú, Leilía, Rodrigo Romaní, Roi Casal, Silvia Penide, The Lákazans, Xacobe Martínez Antelo, Xoan Curiel, Magín Blanco, Pistacatro, Culturactiva, Redrum Teatro, Baobab, Elefante Elegante, Os Monicreques de Kukas ou Títeres Cachirulo, citando tan só algúns dos grupos e artistas incluídos nesta ampla carteleira. Moitas das súas actuacións, e sempre que as condicións meteorolóxicas o permitan, organízanse en emprazamentos ao aire libre, co que se multiplica a súa visibilidade e o seu labor de dinamización cultural.

Fotografía: grupo Leilía

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *