O Consejo Jacobeo aproba o logotipo oficial do Xacobeo 2021

Os membros da Comisión Executiva do Consejo Jacobeo aprobaron o logotipo oficial do Xacobeo 2021 a proposta da Xunta de Galicia.

Co fin de actualizar algúns aspectos da marca, o novo logotipo retoma o punto de partida da imaxe anterior polo que a vieira continúa a ter protagonismo como un elemento iconográfico do Camiño de Santiago. No redeseño realizado para o Xacobeo 2021, modeláronse as nervaduras da vieira para outorgarlles un maior volume e a imaxe simplifícase a unha soa, fronte as catro do anterior logotipo. Preténdese así facilitar a súa aplicación a contornas dixitais sen perder a identidade de marca. A vieira está acompañada da palabra Xacobeo 2021, para o que se creou unha tipografía específica de trazo suave aínda que compacto. Mantéñense o vermello e gris como cores corporativos.

A Comisión Executiva do Consejo Jacobeo anunciou que a partir do 1 de outubro de 2018 entrará en vigor o programa de beneficios fiscais que se aplicarán ata o 30 de setembro de 2021. Con estes incentivos preténdese fomentar a participación cidadá e empresarial nesta celebración e contribuír ao desenvolvemento social e económico dos municipios xacobeos.

O Consejo Jacobeo é o órgano de cooperación que facilita a comunicación entre o Goberno central e as comunidades autónomas do Camiño de Santiago, onde, ademais de Galicia están integradas o País Vasco, Cataluña, Principado de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Aragón, Navarra e Castela e León.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *