O Conselho de Ministros de Portugal aprobara o decreto-lei que regula a valorización e promoción do Camiño de Santiago

O Conselho de Ministros de Portugal aprobara o decreto-lei que regula a valorización e promoción do Camiño de Santiago, a través da certificación dos seus itinerarios e da creación dun órgano de coordinación nacional na Ruta Xacobea.

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura e Turismo, vén colaborando desde 2015 coas autoridades lusas no impulso desta regulación. De feito, nos dous últimos anos participou nalgunhas das reunións e consultas sobre o borrador do decreto-lei, co obxectivo de que exista unha harmonización coa xestión que se realiza en Galicia e España ao redor do Camiño de Santiago. De feito, tense asumido como referencia as directrices de sinalización aprobadas polo Executivo español e as comunidades autónomas no Consejo Jacobeo.

O decreto busca definir os criterios comúns aplicables ao recoñecemento oficial do Camiño de Santiago, a súa salvagarda, valorización e promoción. Con este fin, prevese crear a Comissão Executiva do Caminho de Santiago (CECS), como órgano de coordinación no ámbito nacional portugués, así como un Conselho Científico do Caminho de Santiago.

Esta aprobación abre unha nova etapa na xestión do Camiño de Santiago en Portugal e, paralelamente, un novo ámbito de colaboración entre Galicia e Portugal, ampliando o alcance da estreita cooperación mantida entre ambos territorios durante os últimos anos. Neste sentido, o decreto-lei permitirá comezar a traballar conxuntamente en torno á peregrinación a Compostela co obxectivo inmediato da celebración do Xacobeo 2021.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *