O conselleiro de Cultura e Turismo presenta o proxecto de ampliación do Museo do Pobo Galego

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, presentou o proxecto de ampliación do Museo do Pobo Galego, que incrementará a súa superficie en 1600 metros cadrados para acoller un novo espazo expositivo. A inversión ascende a 2,9 millóns de euros e os traballos rematarán antes do vindeiro Xacobeo 2021.

No marco desta actuación, adecuarase a ala sur do conxunto de San Domingos de Bonaval, ao tempo que o Padroado do Museo do Pobo Galego comezará a traballar na musealización do futuro espazo de exposicións. Con esta ampliación o Museo amosará a Galicia máis contemporánea a través da historia democrática e autonómica.

Os traballos desta ampliación inclúen a intervención nas fachadas do edificio e a renovación completa das cubertas. Ademais, procederase ao illamento térmico do inmoble, xunto á realización de labores de fontanería, saneamento, electricidade, iluminación e telecomunicacións.

A actuación tamén prevé a substitución de toda a estrutura portante do chan que se atopa en mal estado, refacer os forxados, a instalación dun ascensor de alta capacidade e de baños novos. Por outra banda, construirase unha escaleira de comunicación vertical que unirá todas as plantas do edificio.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *