O conselleiro de Cultura e Turismo realiza unha viaxe institucional á Prefectura de Wakayama en Xapón

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, realizou un tramo do Kumano-Kodo, a ruta de peregrinación xaponesa declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO. Durante o seu percorrido, destacou o impacto cultural, turístico e de dinamización económica que orixina o fenómeno da peregrinación nas zonas polas que transcorren as rutas, uns factores que o itinerario xaponés comparte co Camiño de Santiago.

Ambas as dúas rutas están irmandadas desde o ano 1998, un nexo de unión cuxas pontes se fan máis sólidas co paso dos anos. De feito, este percorrido polo Kumano-Kodo é o primeiro dos actos que o titular de Cultura do Goberno galego realiza en Wakayama con motivo da conmemoración dos 20 anos de irmandamento entre Galicia e Xapón.

Ademais de realizar un tramo da ruta xaponesa –no cal estivo acompañado polo director do Centro de Patrimonio Mundial de Wakayama, Hiroshi Tsujibayashi–, o conselleiro tamén visitou o Kumanu Hongu Taisha, un dos tres templos sagrados do camiño. Así mesmo, coñeceu o propio Centro de Patrimonio Mundial, que se atopa fronte ao santuario.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *