O conselleiro de Cultura e Turismo reúnese co movemento asociativo xacobeo de Galicia

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse coas asociacións de amigos do Camiño de Santiago de Galicia, ante quen propuxo a creación dunha mesa de traballo para avanzar en novos proxectos, ampliando así a fecunda colaboración desenvolvida entre a Xunta e o movemento asociativo xacobeo nos últimos anos na nosa Comunidade.

A xuntanza, que tivo como escenario a cidade de Pontevedra, persigue un triplo obxectivo. Por unha banda, fomentar o coñecemento mutuo e o intercambio de impresións arredor da realidade actual da peregrinación xacobea. Ademais, busca avanzar nos compromisos do Plan Director do Camiño de Santiago, que conta con diversas medidas para a cooperación entre a administración e as asociacións de amigos do Camiño. Finalmente, no contexto do vindeiro Xacobeo 21, informouse dos pasos e proxectos que se están a por xa en marcha, e nos que os peregrinos e a cidadanía en xeral están chamados a participar activamente.

Das máis de 300 asociacións repartidas por todo o mundo, unha vintena desenvolve o seu labor fundamentalmente en Galicia. Na antesala do Ano Santo, o conselleiro de Cultura e Turismo animou a incrementar a cooperación, ampliando deste xeito o alcance de iniciativas consolidadas como a convocatoria anual de axudas, dotada con 90.000 euros, das que deu conta a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, que participou na xuntanza.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *