O conselleiro de Cultura e Turismo reúnese cos alcaldes dos concellos da Vía da Prata

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse cos alcaldes dos concellos da Vía da Prata, ante quen avanzou o proxecto de actuación integral que o seu departamento levará a cabo o vindeiro ano 2019 neste itinerario xacobeo, o de maior extensión na Comunidade galega. Co fin de impulsar o seu acondicionamento, mellora e sinalización, investiranse 3 millóns de euros que permitirán que esta ruta chegue nun estado óptimo á celebración do Xacobeo 21.

O obxectivo da xuntanza mantida foi informar das liñas xerais de traballo, toda vez que se está a ultimar a redacción do proxecto de intervención. Unha vez rematado, será remitido a cada un dos concellos da Vía da Prata –máis dunha trintena repartidos polas provincias de Ourense, Pontevedra e A Coruña– para poder ter en conta as súas posibles observacións.

Dáse así continuidade ás iniciativas desenvolvidas neste tempo nos albergues da Bandeira (Silleda), A Gudiña, Faramello (Teo), Cea, Xinzo de Limia, Riós, Verín, Vilar de Barrio, Vedra ou Sandiás. Así mesmo, a primeira edición do premio Galicia Parabéns recaeu tamén na Vía da Prata, ao recoñecer as tarefas de embelecemento impulsadas polo Concello de Boqueixón arredor do Pico Sacro, un dos referentes simbólicos da peregrinación xacobea.

Neste liña, está prevista a inminente intervención no albergue de Bendoiro, en Lalín, cuxa reparación foi contratada por un importe superior aos 250.000 euros. Este investimento permitirá actuar sobre as patoloxías que viña arrastrando e que causaban especial deterioro en distintas partes da estrutura, as cubertas, carpinterías, fachadas e terrazas.

Así mesmo, está previsto o acondicionamento ou construción dun albergue ao longo da Vía da Prata para dar reposta ás necesidades dos peregrinos á cabalo, unha das opcións que permiten obter a Compostela. Ao respecto, cómpre ter en conta que, desde a aprobación do Plan Director do Camiño de Santiago, a Xunta de Galicia vén traballando na especialización da Vía da Prata como itinerario preferentemente especializado nesta modalidade.

A Vía da Prata mantén nos últimos anos unha afluencia constante de peregrinos que a leva a superar os 9.000, cunha importante marxe de crecemento por diante. O 60% deles son españois, malia que tamén destacan outras nacionalidades como portugueses, alemáns, italianos, franceses, estadounidense, británicos, holandeses e belgas.

Na actualidade, a rede pública de albergues dependente da Consellería de Cultura e Turismo conta con 13 albergues e máis de 400 prazas. Nos últimos anos, a S. A. de Xestión do Plan Xacobeo asumiu a xestión directa dalgúns deles que foron cedidos polos concellos.

As actuacións previstas na Vía da Prata para 2019 amplían o alcance das xa realizadas no Camiño Francés en 2015, no Camiño do Norte e o Camiño Primitivo en 2016, no Camiño Inglés e no Camiño de Fisterra e Muxía en 2017 e no Camiño Portugués e no Camiño Portugués da Costa en 2018. A programación completarase en 2020, a tempo para o Xacobeo 21, coa actuación no Camiño de Inverno e na Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *