O Goberno de España recuperará a contorna de San Xiao do Camiño, en Palas de Rei

O Ministerio de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana ( Mitma) licitou as obras de recuperación e posta en valor da contorna da Igrexa de San Xiao do Camiño, en Palas de Rei (Lugo), cun orzamento de 351.410 euros.

Estas obras, explicou o Goberno, inclúense no marco dun conxunto de actuacións que teñen como obxectivo principal a mellora do Camiño de Santiago ao seu paso por dez municipios das provincias da Coruña e Lugo.

O extinto Ministerio de Fomento convocou no seu día un concurso de proxectos con intervención de xurado para a selección dos dez que completan o conxunto da intervención. Este é o sétimo proxecto que se licita e está previsto que os traballos se inicien a principios de 2021, cun prazo de execución de seis meses.

A actuación ten por obxecto revalorizar a historia e o patrimonio de Palas de Rei, achegando unha “mellora substancial na calidade do espazo público” que contribúa a “dignificar e dotar de valor as edificacións tradicionais do núcleo”.

En concreto, os traballos van dirixidos a prolongar a pavimentación que existe na zona central do núcleo, ata o ensanche do Camiño, estendéndoa polo lateral da igrexa ata exceder o atrio. Atenderase tamén ao enterramento das instalacións urbanas, integrando as arquetas e rexistros nos novos lousados do pavimento, e a dotación de iluminación máis discreta, que evite o impacto visual producido polas luminarias actuais.

Fonte e fotografía : El Progreso

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *