Fonte: Goberno de Navarra
“O paso de persoas pola variante leste da entrada do Camiño de Santiago en Navarra, que transcorre pola forca de Lepoeder, quedará restrinxido dende o 1 de novembro ata o 31 de marzo de 2017 por razóns de seguridade, segundo se dispón nunha resolución do director xeral de Interior, Agustín Gastaminza. Durante o inverno pasado tamén foron adoptadas medidas para evitar que os que peregrinan utilicen este traxecto.
A primeira etapa do Camiño Francés a Santiago, á súa entrada por Navarra, ten dúas variantes: a oeste que, partindo de Saint Jean Pied de Port, transcorre por Luzaide-Valcarlos e o porto de Ibañeta ata Roncesvalles, e a leste que tamén comeza en Saint Jean Pied de Port e pasa por Huntto, Orisson e o Porto de Lepoeder ata Roncesvalles. A variante leste supón superar máis de 1.200 metros de desnivel, tendo en conta os 154 metros sobre o nivel do mar aos que se encontra Saint Jean Pied de Port e os 1.432 do porto de Lepoeder, ademais dos pequenos desniveis intermedios.
Para superar este desnivel, os peregrinos e as peregrinas deben ter unha preparación física adecuada, condición que non se dá nunha alta porcentaxe deles, segundo se comprobou. Ademais, a neve e as adversas condicións climatolóxicas propias do inverno esixen un esforzo aínda maior, ao que se suma que moitas veces o equipamento material que levan non é o máis axeitado.”