O presidente do Goberno galego convidou aos galegos a ser partícipes na organización do próximo Xacobeo

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, convidou hoxe aos galegos a ser partícipes na organización dun “Xacobeo de 5.000 días” que permita, aseverou, amosar a mellor Galicia da nosa historia.

Logo da reunión da Comisión Organizadora do Xacobeo 2021, Feijóo subliñou que tras 11 anos sen haber ano santo, nos vindeiros 11 celebraranse tres, unha circunstancia que animou a converter nunha oportunidade, abrindo unha era xacobea que comece desde xa mesmo e que non remate o 31 de decembro de 2021, senón que se prolongue nos seguintes anos ata conectarnos coa década seguinte.

Durante a súa intervención, Feijóo fixo fincapé en que o máis importante é que non se trata dun proxecto para un ano illado, senón que se trata dun proxecto que comeza desde este momento e cun horizonte que mira a 2027 e 2032, os seguintes anos santos.

Un Plan estratéxico dotado cun mínimo de 247,7 millóns

Con este obxectivo, asegurou que unha das características máis importantes do Plan estratéxico Xacobeo 2021 presentado hoxe é que está dotado con recursos: cun mínimo de 247,7 millóns de euros. Grazas á antelación coa que se está a traballar, xa se teñen investido máis de 33 millóns, cifra á que agora se sumará o que investiremos neste novo período e que suporá, como mínimo, os 247,7 millóns.

Feijóo aseverou que a Xunta seguirá avanzando con esta folla de ruta para poder chegar ao 2021 coa capacidade de afirmar que Galicia ten os maiores e os mellores instrumentos para presentarse ao mundo non só nese ano, senón durante toda a década, aproveitando tamén os Xacobeos 2027 e 2032 que virán a continuación.

Un Xacobeo verde, innovador, familiar e mozo

Ao respecto, aseverou que este plan estratéxico non podía ignorar os obxectivos que a Galicia da próxima década está a perseguir, resaltando que será un Xacobeo verde, comprometido coa súa autenticidade, con aquilo que máis o identifica: o Camiño, a paisaxe, o patrimonio, a gastronomía propia. “E neste sentido, a sustentabilidade e a calidade deben ser obxectivos irrenunciables para que tanto os galegos como os visitantes se sumen ao coidado e promoción da nosa riqueza”, explicou.

Así mesmo, asegurou que será un Xacobeo innovador, capaz de promocionar unha Galicia cada vez máis tecnolóxica, máis dixital e máis comprometida cos sectores emerxentes. E un Xacobeo familiar, que conxugue os intereses e as visións de todas as xeracións e tamén de todos os colectivos, garantindo que sexa accesible a todos, con independencia da idade, da situación ou do lugar no que viva.

O responsable do Executivo autonómico recordou que, ao longo dos últimos anos, houbo un traballo útil que nos permite chegar en mellores condicións e coas máximas expectativas.

Nesta liña, precisou que hoxe hai máis camiños, grazas ao recoñecemento oficial do Camiño de Inverno e o Camiño Portugués da Costa, e tamén coa forza renovada dos Camiños do Norte coa súa declaración como Patrimonio da Humanidade. O que fixo posible que as rutas xacobeas estean máis diversificadas, e que as alternativas ao Camiño francés estean medrando.

A Catedral foi obxecto da maior rehabilitación integral da súa historia: a fachada do Obradoiro xa está rematada e a restauración do Pórtico da Gloria conseguiu incrementar aínda máis o atractivo da Catedral. Estase a acometer a maior recuperación paisaxística dos máis de 1.500 quilómetros dos Camiños de Santiago, tanto ao seu paso por máis de 120 concellos como nas entradas en Santiago. O novo Centro de Acollida ao Peregrino supón un lugar digno de recibimento aos miles de peregrinos que chegan cada día, e que aínda se está a mellorar máis. Está a piques de rematar completamente a mellora das instalacións do Monte do Gozo, e un total de 12 albergues sumáronse á rede autonómica a maiores dos que había no Xacobeo 2010. E eventos ligados a esta celebración, como o Festival O Son do Camiño, estanse a consolidar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *