O uso da rede Wifi nos albergues públicos do Xacobeo incrimentouse no pasado ano

Durante o último ano os peregrinos que pernoitaron nalgún dos albergues públicos do Xacobeo fixeron un maior uso da rede wifi gratuíta dispoñible nestes establecementos. Así o demostran os datos dos últimos 12 meses que reflicten un incremento dun 148,32% no uso deste servizo, cada vez máis empregado polos peregrinos para completar información útil para a súa viaxe ou compartir a súa experiencia durante o Camiño de Santiago.

Xunto á rede wifi –que pasou de máis de 150.000 usuarios en 2017 a máis de 380.000 o ano pasado–, tamén se rexistrou un moi bo comportamento doutras iniciativas enmarcadas no Plan Smart Camiño, desenvolvido conxuntamente pola Consellería de Cultura e Turismo e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) para responder ás necesidades do peregrino do século XXI.

Así, medrou o número de usuarios da web caminodesantiago.gal, que mantivo a súa curva de crecemento durante o ano e superou os 300.000, o que supón un incremento do 68,5%. Destaca especialmente o incremento de visitantes á paxina web procedentes de países como Italia, primeiro en consultas e que supón case o 20% do tráfico total. Séguenlle os usuarios de Portugal, Estados Unidos, Alemaña, Francia, Arxentina, Brasil ou México.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *