O Xacobeo colabora coa edición do núm. 60 da revista “Compostela” da Arquiconfraría Universal do Apóstolo Santiago

Este número celebra o 25 aniversario da segunda época desta revista.

Co número 60 da súa segunda época a revista Compostela celebra o seu 25 aniversario. O número un saíu, en efecto, en outubro do Ano Santo Compostelán de 1993. A revista é publicada pola Arquiconfraría Universal do Apóstolo Santiago.

O número 60, que acaba de aparecer, leva na súa portada catro preciosas vistas do Camiño Portugués de Santiago, ao seu paso por terras de Pontevedra e A Coruña. Ábrese coa reprodución do discurso sobre a peregrinación a Santiago, pronunciado polo Deán da Catedral Compostelá, D. Segundo Pérez, con motivo da recepción do premio que a Asociación de Xornalistas e Estudosos do Camiño de Santiago concedéralle.

Neste número inclúense traballos sobre o camiño teresiano, os personaxes bíblicos na Catedral compostelá, o báculo en tau dos arcebispos de Santiago, peregrinos condenados por furto no Hospital Real de Santiago, a peregrinación de Cosimo III de Medici e Nicola Albani, o sermón Veneranda Dies do Códice Calixtino, así como as habituais seccións sobre os selos das parroquias de Santiago de España e, en fin, noticias sobre a vida interna da Arquiconfraría e experiencias e reflexións dos propios peregrinos tras a súa peregrinación.

A Sociedade Anónima de Xestión do Plan Xacobeo colabora coa Arquiconfraría na edición deste número especial da revista Compostela. Unha colaboración realizada ao abeiro das axudas concedidas polo Xacobeo ás asociacións de amigos do Camiño de Santiago e outras entidades que traballan arredor do Camiño xacobeo e a peregrinación. Neste ano 2018 foron un total 19 as axudas concedidas nas tres liñas de axudas convocadas: albergues e hospitalidade, sinalización e actividades e, finalmente, edición de publicacións.

O Xacobeo ten entre as súas finalidade sociais a colaboración co amplo movemento asociativo do Camiño de Santiago, que con máis de 330 colectivos espallados polos cinco continentes, conforma unha das bases da vitalidade da peregrinación xacobea.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *