O xornalista e investigador lucense Manuel F. Rodríguez recibirá o Premio Internacional Aymeric Picaud 2019

A liga de Asociacións do Camiño de Santiago, composta na actualidade por sete asociacións da prensa (Navarra, A Rioxa, Burgos, Palencia, León, Lugo e Santiago de Compostela), entregará o VI Premio Internacional Aymeric Picaud o próximo 16 de marzo. Na edición do 2019, o galardón foi outorgado ao lucense Manuel F. Rodríguez, xornalista e investigador. Este acto, fixado para as 19.30 horas, terá lugar na Real Abadía de Samos (Lugo).

Manuel F. Rodríguez é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Ciencias da Información pola Universidade de Santiago de Compostela. Traballou no Progreso, La Voz de Galicia, Diario 16, Antena 3 Radio e Cope. Desde 1992 forma parte do persoal da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo. Entre 2002 e 2013 F. Rodríguez foi profesor asociado de Comunicación Audiovisual da USC. Desde 2008 é membro do comité asesor do Arquivo Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega. Exerce como ensaísta, conferenciante e articulista en publicacións especializadas, prensa, congresos, cursos de verán e encontros en España e outros países de Europa e América. É autor de numerosas publicacións, a maioría relacionadas co Camiño de Santiago, entre elas, as seguintes: Os Camiños de Santiago en Galicia (en colaboración con Francisco Singul) e Os anos santos composteláns do século XX. Crónica dun renacemento.

Os promotores

A liga de Asociacións do Camiño de Santiago creouse o 24 marzo de 2012, por representantes de oito Asociacións da Prensa (Aragón, Navarra, A Rioxa, Burgos, Palencia, León, Lugo e Santiago de Compostela), reunidos no parador nacional de Santo Domingo da Calzada. O seu obxectivo queda resumido no lema «Polo coñecemento máis xornalismo». A primeira edición do premio (2014) gañouna a escritora e xornalista italiana Carmen Pugliese; a segunda o xornalista e dinamizador do Camiño de Santiago Carlos Mencos; a terceira, Antón Pombo, doutor en Historia Contemporánea; a cuarta, o investigador e xornalista italiano Paolo Caucci e a quinta, a escritora coreana Kim Nam Hee.

O premio que outorga a liga leva o nome do clérigo francés Aymeric Picaud, que peregrinou a Santiago de Compostela no século XII e escribiu o Liber Peregrinationis, considerado a primeira guía do Camiño de Santiago, que acabou cara ao ano 1140. Está incluída no libro V do Códex Calixtinus.

Fonte: Liga de Asociacións do Camiño de Santiago

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *