Os comerciantes galegos poden sumarse á nova Rede de Comercios e Mercados no Camiño

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG), a convocatoria para poñer en marcha a nova Rede de Comercios e Mercados no Camiño, unha iniciativa que permitirá potenciar as vendas do comercio de proximidade nos 138 concellos polos que transcorren as diferentes rutas de peregrinación ao tempo que servirá para mellorar os servizos que estes establecementos prestan aos peregrinos. Poden sumarse a esta Rede de xeito gratuíto tanto os establecementos comerciais como as asociacións de vendedores de prazas de abastos. Ademais, as agrupacións de comerciantes locais poderán solicitar a adhesión en nome dos seus asociados. O primeiro prazo para facelo permanecerá aberto ata o vindeiro 8 de novembro.

Os establecementos que se adhiran á rede recibirán un pack de benvida con distintos elementos promocionais para os seus clientes e un distintivo identificativo para o local. Ademais, poderán beneficiarse das diferentes actuacións de dinamización que se leven a cabo en torno á Rede para apoiar a celebración do Xacobeo 2021, co obxectivo de animar tanto aos peregrinos como aos veciños das vilas e cidades a consumir produtos de proximidade no comercio local.

A orde que regula a adhesión de establecementos a esta Rede inclúe tamén unha convocatoria de axudas de ata 2.800 euros por beneficiario para que os comercios adheridos que así o desexen editen coa imaxe da Rede de Comercios e Mercados no Camiño solucións en material biodegradable de empaquetado exterior, tanto para o seu envío como para a presentación do produto, protección ou para o seu consumo. Tamén poderán obter apoios para a edición personalizada de selos para as credenciais dos peregrinos.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *