Presentación no Parlamento Europeo sobre a actual dimensión internacional do Camiño de Santiago

Bruxelas, 28 de novembro de 2017

Nunha reunión do Intergrupo “Desenvolvemento do Turismo Europeo, Patrimonio Cultural, Camiños de Santiago e outras Rutas Culturais Europeas” – co-presidido polo eurodeputado galego Francisco Millán Mon- celebrada no Parlamento Europeo en Bruxelas o Director-Xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez Bargiela, fixo unha presentación aos eurodeputados e outras persoas presentes sobre a situación actual do Camiño de Santiago e en especial a súa dimensión internacional, 30 anos despois da proclamación destes como Primeira Ruta Cultural Europea. Explicou a elaboración do mapa recentemente publicado “Camiños de Santiago en Europa”, que recolle 80.000 quilómetros de rutas xacobeas debidamente sinalizadas en 28 países do continente, así como 23 rutas marítimas. Máis de 50 asociacións do Camiño de Santiago repartidas por toda Europa contribuíron á creación deste mapa.

Por outra banda, o Director-Xerente do Xacobeo destacou que o número de peregrinos estranxeiros a Santiago era xa superior ao de españois, outra mostra da internacionalización das rutas xacobeas. Así, precisou que este ano se superarán os 300.000 compostelas, das cales máis do 55% serán recibidas por peregrinos internacionais. Tamén mencionou que o terceiro lugar en número de estranxeiros ocúpao xa Estados Unidos e destacou o crecente auxe de peregrinos procedentes de países como Brasil, Corea, Canadá, Australia e Xapón. Todo iso supón, para o Director do Xacobeo, un redimensionamento territorial do Camiño, que adquiriu un alcance non só europeo, senón tamén global.

O Señor Sánchez Bargiela explicou tamén o funcionamento e obxectivos da Federación Europea dos Camiños de Santiago integrada xa por nove entidades territoriais europeas: Galicia e Asturias por parte de España, Vilapouca de Aguiar por parte de Portugal, a aglomeración francesa de Le Puy-en- Velay, a provincia belga de Namur, a provincia polaca de Cuyavia- Pomerania, os municipios de Asís e Rotenburg en Italia e Alemaña respectivamente e unha importante asociación de municipios xacobeos de Lituania. Un dos obxectivos da Federación é continuar a súa expansión, ampliando o número de socios noutros países europeos, segundo o Director do Xacobeo.

Outro punto da orde do día foi a presentación por Eduardo Basso, procedente de Portugal, da Ruta de Cidades da Paz, que nestes momentos é candidata a ser recoñecida como Ruta Cultural Europea polo Consello de Europa. O Señor Basso expuxo as características desta ruta, que pretende agrupar cidades europeas onde se asinaron tratados de paz. Nestes momentos, expuxo, reúne xa a cidades provenientes de 10 países europeos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *