Preséntanse en Santiago ‘Camiños de paixón’, de Carlos Meixide

O compostelán Pazo de San Roque acolleu hoxe a presentación da obra Camiños de paixón, coa que Carlos Meixide se fixo co I Premio de Novela Camiño de Santiago, convocado pola Academia Xacobea e a Consellería de Cultura e Turismo co obxectivo de promover e divulgar a peregrinación e o fenómeno xacobeo. O galardoado recibe 6000 euros e a publicación do traballo pola Editorial Galaxia.

O Camiño de Santiago constitúe o tema referencial da novela premiada a través dunha historia que aborda a vía xacobea como un pretexto para afondar na natureza humana a partir de dúas mulleres que, levadas polo azar e pola paixón, farán o Camiño xuntas. Ao longo das súas páxinas, un caso de terrorismo internacional inesperado e mais unha reflexión sobre o poder do erotismo e das moitas formas de amor.

O autor, Carlos Meixide, é escritor, xornalista e humorista galego. Publicou en 2005 a primeira novela galega editada en internet, O home inédito, e autoedita os seus traballos desde 2014. É tamén autor das novelas Ons, Cans, Guitiriz e Arousa, unha serie de aventuras de adolescentes en distintos lugares de Galicia que alcanzaron notable popularidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *