Presentáronse en Fitur novos produtos que permiten facer o Camiño de Santiago a peregrinos en cadeira de rodas

A directora de Turismo, Nava Castro, presentou en Fitur os novos produtos que permiten percorrer o Camiño de Santiago a peregrinos en cadeira de rodas. Con esta iniciativa, dáse un paso máis para posibilitar que calquera persoa poda vivir a experiencia da ruta xacobea, convertida novamente nun exemplo do turismo inclusivo.

Baixo a marca Descubre o teu propio Camiño, o Camiño Francés ofrece xa a posibilidade de contratar un servizo para facer diversas etapas en Galicia e León. Esta iniciativa é resultado do proxecto europeo Saber Universal no que participa a Xunta e que se desenvolve no principal itinerario xacobeo e no camiño de San Benedito de Italia. En total, habilitáronse cinco paquetes para persoas con discapacidade visual, mobilidade reducida e público senior.

No caso de Galicia, a viaxe vai dirixida a grupos mixtos, compostos por dúas persoas en cadeira de rodas que peregrinarán con handbikes eléctricas e híbridas, que adaptarán ao seu ritmo a peregrinación e irá acompañados de dúas ou tres persoas en bicicleta. Poderán sentir así a emoción final do Camiño de Santiago, cubrindo etapas entre León e Santiago de Compostela, con aloxamento en hoteis de tres estrelas, hostais e albergues accesibles.

Catro días e 64 quilómetros

A viaxe desenvólvese ao longo de 64 quilómetros, repartidos en catro días, cunha media de 15 quilómetros diarios e co apoio dun vehículo con condutor para os traslados necesarios, así como da equipaxe. Poderán percorrer as etapas Casanova-Raído, Fontelas-A Salceda, A Salceda-O Pedrouzo e entre o Parque Monte do Gozo e Santiago de Compostela.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *